miércoles, 9 de marzo de 2016

A INEFICACIA ELECTORAL DA PROBABLE DECISIÓN DO BNG
O pasado 28 de febreiro o BNG celebrou a súa XV Asamblea Nacional nun momento crucial da súa historia. Nela saíron finalmente vitoriosas as teses da UPG e MGS, forzas contrarias a pactos preelectorais con organizacións partidistas de natureza estatal. Se ben é certo que esta decisión non é aínda definitiva, todo apunta a que as chamadas 'Confluencias' máis unha parte do nacionalismo galego socialista, representada polo Bloque, acudirán novamente por separado ás urnas.
Partindo de que o proceso foi impecablemente democrático, de que os dirixentes frentistas coñecen os riscos ós que se van enfrontar e de que é plenamente lexítimo defender que nas vindeiras eleccións autonómicas haxa unha papeleta puramente nacionalista e, consecuentemente, non acudir xunto a organizacións co centro de decisión en Madrid; dende un punto de vista estrictamente resultadista electoral supón unha acción ineficaz, a priori.
Deste xeito, para que exista a posibilidade dunha alianza preelectoral, en primeiro lugar, debemos analizar os elementos ideolóxicos comúns entre o BNG e as forzas que compoñen En Marea, neste caso, máis a tipoloxía electoral. Desta forma, aparte de ser todas elas formacións de esquerda alternativa e rexeneracionistas, comparten, en termos identitarios: a defensa do dereito a decidir de Galicia, a defensa da súa lingua, dun maior autogoberno, etc.
Por outra banda, nunhas eleccións autonómicas non van existir os problemas xurídicos que viviu En Marea para conformar un grupo propio no Congreso; opción, como sabemos, finalmente frustrada.
En vista dos datos anteriores, comprendemos como, de producirse, a hipotética alianza non sería forzada. Partindo desta base, as argumentacións da posible ineficacia de ir por separado fundamántanse en tres elementos de índole electoral máis un sociolóxico:
O primeiro deles é xurídico-electoral. Así, a división en catro circunscricións máis a necesidade de superar o limiar do 5% dos sufraxios en Pontevedra e A Coruña -sendo este superior en Lugo e Ourense- dificulta o acceso ó Horreo ás formacións minoritarias.
En segundo lugar, a extrapolación dos resultados de Nós-CG do 20-D (4,32% dos votos) a unhas autonómicas deixaría ó BNG fóra do Parlamento. Consecuentemente, o gran beneficiado sería a candidatura máis votada nas catro circunscricións, que previsiblemente será o PPdeG.
Cómpre ter en conta, nese caso, que se os conservadores manteñen a Xunta, o farán co apoio de C´s, que previsiblemente obterá representación. Dito pacto –pode ocurrir, tendo en conta que a extrapolación dos resultados de decembro ás galegas daríalle 38/75 deputados ó centrodereita- podería conlevar unha maior 'españolización' de Galicia e, en consecuencia, o Bloque sería visto polas forzas do espectro galeguista e progresista como o 'culpable' político de chegar a esa situación, o que conlevaría un distanciamento aínda maior cos seus potenciais votantes.
En terceiro termo e en contraposición á hipotética circunstancia anterior, se sumamos os votos de Nós e de En Marea (25,04%) nas últimas eleccións xerais, estes obterían 8/23 escanos no Congreso. Se ben é certo que unha parte das 'Confluencias' nunca votaría ó BNG (segundo o CIS de decembro de 2015, un 15% dos seus votantes síntense máis españois que galegos ou unicamente españois) -e á inversa ocorrería con algúns militantes e simpatizantes da organización frentista respecto ás 'mareas'-, a suma estaría en torno ó 25% dos sufraxios ademais de concentrada, polo que a eficacia resultadista sería bastante maior.

En cuarto e ultimo lugar, non nos podemos esquecer que o nacionalismo galego é minoritario (14,1% da poboación, en outubro de 2012, segundo o CIS) e o independentismo aínda máis (6%, nese mesmo mes, segundo a SER). Por tanto, este segmento demográfico pode, e de feito así o demostra, sentirse cómodo ideoloxicamente con En Marea (favorecida, ademais, pola maior presenza mediática); de tal maneira que ó BNG compricaríaselle a súa supervivencia institucional na esfera supralocal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario