domingo, 27 de diciembre de 2015

É GALICIA MENOS NACIONALISTA?
     As eleccións xerais do 20 de decembro deixaron insatisfeitas á maioría de formacións políticas; pero, sen dúbida, unha das que contemplou os resultados cun maior desagrado foi Nós-Candidatura Galega, que deixou no camiño máis de 110.000 votos respecto ó BNG en 2011, ocasionando a perda da representación nacionalista allea ó 100% a forzas de obediencia estatal.
     Se ben é verdade que En Marea obtivo o excelente resultado de 6 deputados, non é menos certo que a temática propiamente nacionalista galega asociada a esa organización quedou moi diluida durante a campaña. Do mesmo xeito, a súa natureza ideolóxica non era desa índole; e o perfil sociolóxico netamente galeguista só abarcaba a unha cuarta parte dos seus votantes, dacordo co CIS de decembro de 2015.
     Polo tanto, estamos ante un claro fracaso do nacionalismo galego, que contrasta, no outro extremo, cos resultados das eleccións autonómicas de 1997, cando o BNG superou a barreira do 25% dos sufraxios. Neste sentido, se nos detemos no sentimento nacionalista existente entón (tomando novamente como fonte o CIS) e o comparamos co habido en 2015, a xente que se sentía máis galega que española ou unicamente galega situábase ó redor do 35% da poboación, mentres que actualmente abarca ó 20%.
   Consecuentemente, podemos concluir, por un lado, que existe unha certa desgaleguización identitaria, paralela, por outra banda, á perda de falantes da lingua propia (anque non existe unha relación observable entre ambos fenómenos); e, por outro, podemos apreciar como a perda de voto “estrictamente nacionalista” vai parella á caída deste sentimento entre a poboación galega.
A que se debe isto? No caso da franxa dereita (PPdeG), ó proceso de “españolización” vivido dende comezos desta centuria, imprimido primeiro polo “aparato” de “Génova” e logo por pola cúpula deste partido en Galicia. Estamos así, ante un proceso de arquitectura institucional que ocasionou a disminución progresiva do sentimento galeguista entre o seu electorado (hoxe, existente en 1 de cada 5).
      No que atinxe á á esquerda da política, podemos considerar como factores da mencionada caída: a asociación que fai boa parte da poboación do BNG coa “vella política”, así como a mala imaxe pública da UPG. Neste caso, se ben é certo que cómpre separar a ideoloxía dos comportamentos humanos, unha vez producidos estes, boa parte do electorado relaciona inevitablemente estes cunha serie de ideas, sexa ou non de forma xusta, tal e como antes sinalamos.
     A nivel mediático, os numerosos discursos levados a cabo dende a maioría dos principais “media” contra os nacionalismos periféricos, que tiveron lugar especialmente dende o comezo dos procesos de reformas estatutarias; máis o apoxeo de canles privadas españolas e dos debates políticos -cunha temática marcadamente española e coa consabida existencia dunha escasísima ou nula presenza deste tipo de organizacións partidistas nos platós de televisión- poden incluirse como factores de desgaleguización desde o punto de vista do sentimento nacionalista.
    Deste xeito, os resultados electorais habidos nas catro últimas eleccións de distinto signo que houbo en Galicia -posteriores todos eles á Asamblea de Amio, e nos que a coalición entre a esquerda estatal e unha parte do nacionalismo sempre superou ás candidaturas integradas só por forzas galeguistas de ámbito da nosa CC.AA- amosaron, por un lado, dificultade para medir o nivel de sentimento identitario galeguista, dada a peculiaridade desta nova estrutura partidista; pero, ó mesmo tempo, deron lugar á sospeita e posterior confirmación de que este foi progresivamente declinando, estancándose no último lustro na quinta parte dos galegos.
     Curiosamente e en contra do que sempre se di en política: “as eleccións, e non as enquisas, marcan as pautas politolóxicas”; para obter información desta índole pode que os inquéritos, aínda sendo imprecisos, sexan máis útiles, sempre e cando teñan un erro de mostra considerablemente menor ó de outros estudos de opinión.












No hay comentarios:

Publicar un comentario