jueves, 19 de noviembre de 2015

40 ANOS DENDE A MORTE DE FRANCO
      Hai 4 décadas, un 20 de novembro de 1975, morría o ditador Francisco Franco. Deste xeito, remataba históricamente o réxime capitaneado pola súa persoa, cuxos restos políticos proseguían durante a Transición. Tras de si, deixou miles de asasinados, torturados, reprimidos, exiliados e silenciados; ademais de que se forxou trala guerra civil máis cruenta de toda a historia de España.
      Xunto a estes feitos, o peor de todo é que os seus responsables nunca pagaron xudicialmente polos seus crimes, xa que sigue vixente a Lei de Amnistía de 1977, a cal ningún dos tres partidos gobernantes quixo derogar, xa sexa por motivacións ideolóxicas (UCD e PP) ou de comodidade política (PSOE). A súa abrogación suporía a persecución dos franquistas vivos, posto que os delitos de lesa humanidade nunca prescriben.
       Aproveito, por outra banda, este espazo para criticar ás formacións dereitistas que non condenan este réxime, por un lado; así como a aquelas da esquerda alternativa que non fan o mesmo coas ditaduras comunistas. Pois ningunha idea política ou crenza relixiosa xustifica a vulneración dos dereitos máis elementais dun ser humano.
       En contraposición, resalto positivamente á maioría das formacións centristas e socialdemócratas actuais por condenar os réximes autoritarios e totalitarios, for cal for a súa ideoloxía. Ben é certo que -salvo o PSOE- ningunha delas tivo unha maioría parlamentaria no Congreso dos Deputados que permitise comprobar se lle tremería ou non o pulso para abroga-la citada norma. Neste sentido, ós socialistas, inclúoos no último grupo, pero remarcando negativamente a súa falta de coraxe política.
   No caso de que algunha vez haxa memoria histórica de verdade, farase certa xustiza e cicatrizaranse algunhas feridas en familiares e amigos de vítimas da ditadura, asasinados ou maltratados impunemente. Pero o que nunca se reparará é o dano levado a cabo ó longo de 36 escuros anos nos que o desenvolvemento económico da segunda metade ou a creación do Protoestado de Benestar non compensan, nin moito menos, os danos ocasionados contra o máis sagrado das persoas físicas: a súa vida e integridade.















No hay comentarios:

Publicar un comentario